Xuntanza informativa sobre a toma de posesión provisional dos predios de substitución Mercurín-Lesta II
Veciños e veciñas afectados pola concentración parcelaria da zona reuníronse co alcalde e coa concelleira de Medio Ambiente de Ordes, así como con membros da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural
Veciños e veciñas afectados pola segunda fase da concentración parcelaria Mercurín-Lesta foron convocados para unha xuntanza informativa que se desenvolveu tanto na escola unitaria da parroquia de Mercurín como no local da asociación veciñal de Lesta.
Por parte da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural anunciouse a posesión provisional dos novos predios de substitución con data do 7 de outubro de 2016. Tal e como se sinala no DOG de hoxe martes, 30 de novembro, “as árbores da zona de monte deberán ser retiradas polos propietarios das parcelas de achega no prazo máximo de seis meses desde a publicación deste aviso no Diario Oficial de Galicia (DOG), logo da petición ao Servizo de Montes do preceptivo permiso e o informe favorable do Servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, no caso de seren especies autóctonas protexidas, sen prexuízo das demais autorizacións que legalmente procedan”.
No encontro que tivo lugar onte luns participaron tanto o alcalde como a concelleira de Medio Ambiente de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo e Ana Soneira. Por parte da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural contouse coa Xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias e co técnico responsable da zona, Ana Arizón e Antonio Pérez Abella, respectivamente.