Veciñanza, asociacións, entes etc poden participar ata o vindeiro mércores neste proceso a través do cuestionario colgado na páxina web municipal (www.ordes.gal) ou da caixa de suxestións ordes.participa@ordes.gal
O foro de participación cidadá para o deseño de estratexias de sustentabilidade ambiental no municipio de Ordes tivo lugar onte nos baixos da Alameda. Unha cita na que moitos veciños e veciñas mostraron o seu interese, entre outros aspectos, pola xestión e o tratamento dos residuos xerados por establecementos, comercios e actividade industrial da zona. 
     No encontro, no que tamén participaron o alcalde de Ordes e a edil de Medio Ambiente, José Luis Martínez Sanjurjo e Ana Soneira, abordáronse diversos puntos cuxas principais liñas de actuación pasan por neutralizar as consecuencias do cambio climático a través da prevención; a mellora da eficiencia enerxética nas edificacións, infraestruturas e servizos públicos; aumentar o uso das enerxías renovables e o fomento da mobilidade urbana sustentable a través da mellora da rede viaria, carrís bici e peonís, así como da conexión urbana-rural. 
     Tras a xuntanza cada un dos presentes respondeu ao cuestionario que se lles fixo entrega co fin de publicar en datas próximas as conclusións que contribúan ao deseño dun plan efectivo, útil e eficaz para o Concello de Ordes no seu proceso de adaptación ao cambio climático no eido da xestión e planificación pública. Ata o vindeiro mércores, 26 de outubro, o dito cuestionario está á disposición de toda a poboación a través da páxina web do Concello (ordes.gal) para que as persoas, asociacións, entidades etc poidan participar deste proceso. Tamén ata esa data poderase facer uso da caixa de suxestións ordes.participa@ordes.gal, creada para a achega de ideas e sobre as melloras.
    A dita iniciativa desenvólvese a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e dos fondos estruturais da Unión Europea xestionados pola Consellería de Medio Ambiente, tendo como principal obxectivo a integración e a adaptación ao cambio climático na xestión pública e a redución das emisións provenientes das actividades ou procesos habituais do ser humano  (emisións GEI).
 

Ordes celebra o primeiro foro de participación cidadá para crear un municipio sustentable medioambientalmente