IX DesOrdes Creativas
Este luns arranca a IX edición do festival internacional de Arte na Rúa DesOrdes Creativas
Yoseba MP, Alegría del Prado, Borondo, Bosoletti, A.L. Crego, NÖ3L, e Mutante Creativo compoñen o cartel de artistas participantes. Os días 1 e 2 de outubro desenvolverase na vila ordense a I Feira-Festa da Creatividade, no céntrico parque da Constitución
A partir do luns, 26 de setembro, e ata o vindeiro 2 de outubro as rúas de Ordes encheranse de artistas para dar comezo á que será a IX edición do festival de arte urbana DesOrdes Creativas. Trátase do festival pioneiro destas características en Galicia e dos máis lonxevos de toda España, que cada ano conta con recoñecidos e prestixiosos muralistas e graffiteiros chegados de distintos puntos do mundo. Este ano contarase coa presenza de Yoseba MP(Galiza), Alegría del Prado (México / España), Borondo (España), Bosoletti (Arxentina), A.L. Crego (Galiza), NÖ3L (Galiza). Ademais tamén hai que destacar a participación doutros nomes propios como Mutante Creativo formado Mou e Sokram, ben coñecidos por todas e todos os veciños de Ordes por ser os creadores deste evento.
Todas e todos eles serviranse de muros, valos e espazos públicos e privados para plasmar as súas obras. Creacións, normalmente de grandes dimensións, coas que se pretende denunciar e concienciar sobre aspectos, valores e problemáticas actuais. O Festival actúa como ferramenta de rexeneración urbana e diálogo social que converte espazos en desuso en novos lugares cheos de vida e cor. Un gran museo público e gratuíto a ceo aberto co que se combate o feísmo urbano de certas zonas da vila.
Encontros creativos
Unha das novidades destacadas desta edición son as actividades paralelas, que terán como marco prinicipal a I Festa-Feira que se celebrará os días 1 e 2 de outubro. Ao longo de ambas xornadas haberá un amplo programa no que se inclúen presentacións de libros e encontros literarios, mostras de arquitectura, deseño, tecnoloxía, mesas redondas sobre a incidencia na paisaxe e tamén sobre a implantación de empresas creativas e innovadoras no mercado etc. Un xeito inmediato e vivo para dar a coñecer os diversos traballos e creacións que se están a xerar nestes e noutros eidos, e en moitos casos por parte de veciños e veciñas da zona. Tamén haberá sesións de contacontos, obradoiros de graffitis nos que se pintarán contedores de reciclaxe para instalar na rúa posteriormente e obradoiros infantís de arte urbana
Música en vivo
A música tamén xogará un papel destacado o sábado. Sesión vermú, actuacións en directo e dj´s forman parte dun programa que a día de hoxe se segue confeccionando e do que xa forma parte a Big Band da Escola Municipal de Música. Tamén haberá mostras de carteis, discos, material sonoro etc.
Dende o xoves, día 29, ata o sábado 1 terá lugar o obradoiro 'Introdución á pintura e adaptación ao mobiliario urbano' impartido polo artista urbano e ilustrador NÖ3L. Nel traballarase coas distintas técnicas de pintura mural adaptada aos contedores de vidro.
Ademáis de Mutante Creativo e o Concello, este ano colaboran no festival a Deputación da Coruña e a empresa de elevadores Hune.