spacer
A secretaria xeral de Emprego inaugura o ciclo de sesións sobre autoemprego e cooperativismo

Covadonga Toca destacou a prioridade que a Xunta dá á “Economía Social como dinamizador laboral”.  Preto de 30 persoas participan en Ordes nesta primeira xornada, que terá continuidade nos demais concellos da comarca 

Esta mañá a Oficina de Fomento Cooperativo da Mancomunidade de Ordes inaugurou o seu ciclo de sesións presenciais sobre autoemprego e cooperativismo, o cal se desenvolverá ao longo de todo o mes de setembro nos sete concellos da comarca.  Nesta primeira sesión contouse coa presenza da secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca Carús, que estivo acompañada polo presidente do ente supramunicipal e polo alcalde de Ordes, Roberto Rey e José Luis Martínez Sanjurjo respectivamente.
     Toca Carús informou ante o público asistente, 40 persoas en total, “das posibilidades e apoio que ofrece a Xunta de Galicia a través da Rede Eusumo en prol da chamada Economía Social, onde se inclúen as cooperativas”. Tamén fixo mención “ao fondo de capital de risco, cun total de 5 millóns de euros, destinados ao desenvolvemento e posta en marcha de proxectos e ideas por parte da cidadanía”. Carús explicou a coñecida como “Axenda 20, fundamentada en 3 piares co obxectivo de acadar resultados satisfactorios en materia laboral: Propiciar un emprego de calidade para todas e todos, un maior nivel de formación e capacitación, e o acceso a unha orientación laboral aberta”. 
Pola súa banda o alcalde de Ordes animou a “servirse da fórmula do cooperativismo para emprender e levar a cabo boas ideas”, mentres que Roberto Rey animou ás persoas participantes a valerse da Oficina do Fomento ao Cooperativismo para recibir calquera información, axuda ou asesoramento, ademais de seguir participando nas restantes xornadas que quedan pendentes.
     Como principais obxectivos desta  iniciativa formativa destácanse o fomento do autoemprego e do cooperativismo como un modelo empresarial, poñer en contacto a persoas emprendedoras co mundo cooperativo e acompañalas na súa idea de negocio, promover a divulgación e o intercambio de ideas innovadoras, reflexionar sobre a contribución do cooperativismo ao desenvolvemento local, o fomento do uso das TIC, así como dar a coñecer os servizos da Oficina de Fomento Cooperativo da Comarca de Ordes. 
     No día de hoxe tamén se realizou unha mesa de experiencias cooperativistas na que participaron Erica-mel,  Nova Aseconia e Cestola na Cachola. Os testemuños das persoas colaboradoras atenderon tanto ao día a día e ao traballo de campo, como aos procesos de constitución das súas firmas.
     Nestas sesións poderán participar de balde tanto persoas desempregadas e emprendedoras como traballadoras ou representantes de institucións públicas e privadas. Unha convocatoria que, en xeral, se estende a calquera persoa interesada no tema. Para inscribirse basta con chamar ao 981680002 ou ben facelo presencialmente na mesma Oficina de Cooperativismo situada nas dependencias da Mancomunidade de Ordes (rúa Xoxardo, Ordes).
     O calendario de charlas está organizado do seguinte xeito: Cerceda, día 22; Tordoia, día 23; Trazo, día 26; Frades, día 27; Oroso, día 28; Mesía, día 30.