Ábrese o prazo de inscrición para as clases de atletismo, tenis e tiro con arco
A Escola de Atletismo vén de abrir o prazo de inscrición para todas e todos aqueles que queiran practicar este deporte nos municipios de Ordes e Cerceda (A Silva). As clases e adestramentos terán lugar dende o 3 de outubro ata o 22 de xuño, contando para isto coa colaboración do Concello de Ordes.
Atletismo Ordes e Atlética A Silva impartirán clases nos niveis de iniciación (martes e xoves de 17 a 18 horas); avanzado (martes e xoves de 18 a 19 horas); perfeccionamento e veterano (xoves 19 a 20.30 horas). O lugar de preparación e adestramento serán as pistas e instalacións situadas na cidade deportiva de Vista Alegre e nas do campo de fútbol da Silva. No cadro de adestradores e monitores figuran Ana Domínguez, Pablo Rodríguez e José Domínguez, monitores e adestrador nacional respectivamente.
Para formalizar a inscrición será necesario entregar a ficha cos datos persoais, a cal se pode conseguir no departamento de Deporte do Concello ou a través do correo electrónico atleticasilva@gmail.com. É imprescindible realizar o ingreso bancario, o cal pode aboarse mensual, trimestral ou anualmente. A contía ascende a 15 € por dous días de adestramento en Ordes, ou ben 20 € se ademais se engade outro no municipio de Cerceda (luns ou mércores).
Os rapaces e rapazas inscritos poderán participar nas competicións organizadas tanto pola Xunta de Galicia como pola Federación Galega e Española de Atletismo.
Máis disciplinas
Tamén está aberto o prazo para apuntarse nas clases de tenis nos niveis de iniciación e perfeccionamento. Estas darán comezo o vindeiro 27 de setembro e desenvolveranse os martes, venres e sábados a partir das 17.30 horas nos pavillóns Castelao II e Campomaior (sábados). Están dirixidas tanto a persoas adultas como a menores a partir dos 6 anos. Os prezos son de 30, 20 e 15 € segundo se asistan 3, 2 ou 1 día respectivamente, ademais do seguro da Federación Galega de Tenis (entre 15 e 25 €). As clases serán impartidas por un monitor diplomado en Educación Física e con titulación outorgada pola Real Federación Española de Tenis. Para máis información poden chamar ao 686119121.
Tamén está aberta a inscrición para poder asistir ás clases de tiro con arco, impartidas pola Asociación Deportiva Arqueiros do Adarve. Poderá asistir quen o desexe a partir dos 6 anos, serán os mércores ás 20 horas no pavillón Campomaior. Para solicitar información ou inscribirse é necesario facelo a través do correo electrónico arcoadarve@hotmail.com.
O Concello de Ordes colabora na posta en marcha e no desenvolvemento de todas estas iniciativas deportivas.