Esta mañá tivo lugar na Casa da Cultura de Ordes o video forum Muller e Deporte, conquista os Elementos. Unha iniciativa levada a cabo conxuntamente polo Concello de Ordes e a Deputación da Coruña, e na que participaron como relatoras a deputada provincial Ana Franco, a taekwondista local e campioa outonómica Tania Gándara e Natalia Naya, adestradora do Club Patinaxe Galia. 

     Tamén tomou a palabra a concelleira de Deportes, Ana Soneira, quen destacou a importancia “de que as mulleres ocupemos postos directivos dentro dos clubs deportivos para acadar unha maior cota de igualdade neste ámbito”. Soneira resaltou o papel de moitas das mulleres “que dirixiron e aínda seguen dirixindo clubs de fútbol, taekwondo ou hóckey no noso municipio. Algo do que podemos presumir”, asegurou a edil, quen mostrou a súa admiración “por todas estas mulleres que teñen saído a moitos lugares de fóra de Galicia cos seus equipos e regresado con títulos e campionatos nacionais”.

     Nesta iniciativa tamén participaron un bo número de alumnos e alumnas do IES Maruxa Mallo. Todas e todos eles viron con atención documental ‘Contra os elementos’, tras o cal se levou a cabo unha charla-coloquio sobre o papel das mulleres no mundo deportivo.

     ‘Conquista os elementos’ é unha campaña para xerar coñecemento e conciencia en torno ao deporte feminino, mediante a cal se quere fomentar a participación das mulleres na práctica de actividades físico-deportivas en igualdade de condicións que os homes. Tamén se pretende recoñecer o éxito deportivo das mulleres, e promover un cambio no xeito de presentar a información deportiva dende a perspectiva da linguaxe icónica e escrita co fin de erradicar estereotipos. Outra intención é a de coeducar en igualdade de oportunidades en canto á muller no deporte, así como a xeración de espazos de debate e reflexión sobre a materia.

     Esta iniciativa desenvolverase ao longo de 23 concellos e está deseñada pola área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña.

Ordes acolleu o video fórum ‘Muller e Deporte. Conquista os elementos’