Declaración institucional dos concellos de Ordes, Oroso, Frades e Mesía contra a instalación de parques eólicos 
no seu territorio

Instan á Consellería de Economía, Emprego e Industria a que reforme o Plan eólico de Galicia e que declare estes territorios libres deste tipo de instalacións. Basean o seu rexeitamento en cuestións de tipo lexislativo, paisaxístico e medioambiental, e insisten nas consecuencias que poden ocasionar para a saúde dunha veciñanza que rexeita maioritariamente os proxectos do Monte Inxerio e Gasalla
 
Os concellos de Ordes, Frades, Oroso e Mesía veñen de emitir conxuntamente unha declaración institucional en contra da instalación de parques eólicos no seu territorio. No escrito poñen de manifesto “a súa repulsa á instalación dos Parques Eólicos do Monte Inxerio (Ordes e Cerceda) e Gasalla (Frades e Mesía) promovidos pola empresa Green Capital Power”.

     Os representantes de cada un destes concellos consideran que os ditos proxectos afectan gravemente ás propiedades da veciñanza, así como á súa calidade de vida, saúde, á paisaxe, á avifauna etc”. Ademais tamén “contraveñen as normas técnicas de planeamento urbanísticos e lexislación vixentes”. Por todo isto ínstase á Consellería de Economía, Emprego e Industria a que reforme o Plan eólico de Galicia e que declare os concellos de Frades, Mesía, Ordes e Oroso libres de parques eólicos. Solicitan a eliminación da franxa eólica que abrangue aos ditos concellos dentro do Plan Sectorial Eólico de Galicia.

     Os alcaldes de Ordes, Oroso, Frades e Mesía destacan “o rexeitamento xeneralizado na poboación que suscita a instalación dos aeroxeradores”. Entre outras problemáticas destacan “o efecto na paisaxe e a contaminación acústica”. Sinalan que se trata “dun territorio maiormente marcado polo seu óptimo aproveitamento rural, agrícola, gandeiro e forestal”, polo que o cualifican de “non axeitado tanto para a instalación de parques eólicos como para as infraestruturas paralelas que levan aparelladas”. Consideran “inadmisible e inaceptable a colocación de aeroxeradores nas localizacións propostas, dada a afección que suporá para unha poboación residente en núcleos rurais diseminados ou en vivendas illadas”. Insístese en que cuestións como o chamado “efecto sombra, a reflexión solar ou o ruído, capaz de afectar tanto ao oído humano como ao seu sistema nervioso, resultarán nocivos para a saúde de veciñas e  veciños”. 

ORDES FIRMA A DECLARACION DE CONCELLO NON EOLICO

Espazos protexidos
Tal e como se especifica no manifesto na comarca ordense atópase o espazo protexido LIC río Tambre, ademais dos espazos de Rede Natura. Cómpre lembrar que se trata de áreas naturais de interese local de acordo co disposto na Lei 9/2001, de 21 de agosto, de Conservación da Natureza; parte do espazo sitúase dentro da Reserva da Biosfera denominada “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”; así como o trazado do Camiño de Santiago (Camiño Inglés). A isto súmaselle que se trata dunha comarca que a día de hoxe está sometida a procesos de concentración parcelaria que afectan a unha alta porcentaxe dos seus terreos. No caso de Frades, Mesía e Oroso aproxímase ao 100% e en Ordes supera o 80%.
    
O dito acordo adoptado trasladarase ao Parlamento Galego, ao Congreso dos Deputados, á Xunta de Galicia, ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, así como ao Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital.