Defenderá a inaceptabilidade das localizacións propostas nas inmediacións dos núcleos de poboación. Martínez Sanjurjo considera “especialmente preocupante o feito de non ter en conta o trazado do Camiño Inglés e espazos con intereses naturais”. Ao longo das próximas horas tamén darán a coñecer as alegacións referentes ao proxecto de Lavandeira 

O Concello de Ordes xa ten presentadas a día de hoxe as súas alegacións con respecto ao parque eólico Ardemil. No escrito remitido o pasado 9 de abril á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Medio Natural do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, solicítase a consideración de diversos aspectos.

    Entre estes advírtese que “parte do espazo protexido LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) do río Tambre linda e, incluso, insírese dentro da delimitación do parque eólico”, o cal contempla a instalación de 9 aeroxeradores dentro do termo municipal.

No que se refire ás alternativas formuladas tamén se sinala a ausencia de factores de importancia. É o caso da presenza no Camiño Inglés, trazado que atravesa en toda a súa lonxitude a parroquia de Ardemil, así como a reserva da biosfera denominada Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
 Outro fai alusión á existencia de espazos naturais de interese local (Lei 9/2001, de 21 de agosto, de Conservación da natureza) como é o caso do río Abelleira e das ribeiras do Mero e do Barcés. 

Tamén se demanda unha análise dos efectos dos aeroxeradores sobre a poboación, dado o impacto visual e acústico que supoñen. Sobre todo tendo en conta que algúns deles “sitúanse a distancias inferiores aos 30 metros do bordo do núcleo rural e a 40 metros da vivenda máis próxima”. Algo prohibido de acordo coa formulación e a lexislación vixente que restrinxe o seu uso en solo de núcleo rural. En concreto considéranse inaceptables os que se contemplan nas inmediacións de: O Mesón do Vento, Faramilláns, O Porto, O Coto, Campo do Sino, O Castro, Igrexa, Pedreira e Patrocelos. 

Recolocación
En palabras do alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo “A día de hoxe estamos traballando para presentar nas próximas horas as alegacións ao proxecto do parque eólico de Lavandeira”. O rexedor ordense tamén se pronuncia sobre o de Ardemil, indicando que “a nivel municipal imos defender a inaceptabilidade das localizacións propostas -afeccións á poboación- nas inmediacións dos núcleos de poboación das parroquias afectadas. Resúltanos especialmente preocupante o non ter en conta a proximidade do trazado do Camiño Inglés e espazos con intereses naturais presentes no ámbito local. O proxecto como está formulado vai atopar o rexeitamento frontal do Concello de Ordes, á espera de que as ditas circunstancias negativas sexan tidas especialmente en conta e provoquen o rexeitamento do proxecto completo; ou ocasionen como mínimo a recolocación dos aeroxeradores a outras zonas máis apropiadas dentro do noso termo municipal”.