Audio do pleno ordinario do mes de febreiro de 2018

Luz verde do Pleno ordense para as bonificacións na creación de emprego dentro do marco ‘Concellos Doing Business Galicia’ 

Tamén se aceptou por unanimidade a dimisión de Luís Caamaño Fraga, cuxa acta de concelleiro volverá ao Goberno. Desestimadas as alegacións ao novo mapa da zona ORA demandado polos comerciantes. Solicitaranse liñas de axuda para a mellora enerxética da piscina e do sistema de iluminación

Recén iniciado marzo o Concello de Ordes celebrou o seu pleno correspondente ao mes de febreiro. Un cambio debido a problemas de axenda por parte de moitas e moitos dos concelleiros. Aínda así a sesión celebrada onte contou coas ausencias dos voceiros de UxO e PSOE. Tampouco estivo presente Luis Caamaño Fraga, cuxa dimisión foi aprobada por unanimidade. A súa acta de concelleiro pasará a mans novamente do grupo do Goberno. Caamaño abandonara hai pouco máis de un ano o seu posto no Goberno local, sendo daquela responsable de Deportes, para incorporarse ao grupo dos non adscritos.

     Susana García, edil de Igualdade, abriu a sesión coa lectura da declaración institucional con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo. As condicións no eido laboral, principalmente das mulleres que presentan algún grao de diversidade funcional, as diferencias salariais en comparación coa poboación masculina ou a persistencia de estereotipos de xénero foron algúns dos puntos que se abordan neste texto.

Maior mobilidade
Por maioría desestimáronse as alegacións á modificación da ordenanza municipal da ORA, presentadas no seu día por Beatriz Martínez Candal. Afán recaudatorio, ausencia de trámites para a consulta pública ou primacía nos criterios políticos máis ca técnicos foron algúns dos alegatos da concelleira non adscrita. Pola súa banda José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, volveu a insistir unha vez máis, “que esta é unha petición formulada pola Asociación de Comerciantes de Ordes co fin da gañar en mobilidade e incrementar así as súas vendas”. O rexedor reprochoulle tamén “que das 100 sinaturas que presentou no Concello contra esta medida tan só 6 corresponden a residentes das zonas afectadas polas novas zonas de ticket. As restantes, na súa meirande parte, nin siquera pertencen a persoas empadroadas ou non son de xente que vive no núcleo urbano”.

     Agás Martínez Candal e os integrantes do BNG, defensores de implantar zona azul gratuíta en toda a vila, así como os chamados ‘Leira parking’ (bonificacións a terreos privados que se cedan para aparcamentos), os demais membros da corporación votaron a favor de desestimar as alegacións. A anécdota da tarde deuse neste instante ao confundirse os 2 edís de UxO e votar contrariamente ao que tiñan pensado. Estes optan por eliminar a zona azul de pago e habilitar zona de residentes.

     Co novo mapa da zona ORA, unha ves entre en vigor o novo texto, a rúa dos Lagartos deixará de ser de pago obrigatorio a cambio de incluír a rúa Mercado (tramo Parques Municipais - rúa Compostela) e a República Arxentina (tramo Alfonso Senra - rúa Nova). Ademais instaurarase zona azul gratuíta, cun prazo máximo de estacionamento de 90 minutos, nas seguintes rúas: Rúa Nova, Rosalía de Castro (tramo Alfonso Senra – Rúa Nova), Rúa Canteira (Alfonso Senra – intersección rúa Mercado con Ramón Ferreiro), zona Praza de Abastos, Rúa Mercado (tramo rúa Compostela – rúa Canteira), rúa Reconciliación, rúa Compostela (Alfonso Senra – Muíño), rúa O Recreo (parque municipal – rúa Mediodía).

     Tamén quedou aprobada a modificación puntual relativa a un camiño que pasa por propiedade privada no núclo de Reboredo. Un punto no que Beatriz Martínez se abstivo e os tres edís do BNG votaron en contra xa que “deberíase haber aproveitado isto para mellorar outros camiños da mesma zona”.

IBI, IAE, ICIO
Unha vez máis a adhesión de Ordes aos ‘Concellos Doing Business Galicia’, aprobada no Pleno de xaneiro, volveu a ser tema de debate. Nesta ocasión no que se refire á precisa modificación das ordenanzas do IBI, IAE e ICIO e ás bonificacións que se aplicarán en base a aspectos relacionados coa creación de postos de traballo. Estas poderán chegar ata un 95% pola creación de máis de 20 empregos. A medida contou con voto favorable de case todos os representantes, xa que o BNG mantívose fiel á súa postura de absterse neste tema.

     Onde si estiveron todos os grupos de acordo foi na solicitude ao Ministerio de Energía, Turismo y Agenda Digital da subvención para a mellora da eficiencia enerxética na climatización da piscina Iván Raña (127.820 €) e no sistema de iluminación pública (136,678 €).

     Nesta ocasión tan só o BNG presentou mocións. Na que se facía referencia aos problemas de altas temperaturas nas aulas do IES Maruxa Mallo non foi aprobada a súa urxencia. Así se decidiu despois de que a  concelleira responsable da área, Susana García, lera un comunicado da dirección do centro onde se explicaba detalladamente a posta en marcha de propostas e iniciativas por parte da xefatura territorial de Educación para solventar o problema.

     A pesar do apoio brindado por Beatriz Martínez os nacionalistas non puideron ver aprobada a súa proposta de bonificación de ata un 95% da cota íntegra do IBI para aquelas construcións indispensables para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais situados en solo rústico. Pedían incluír tamén as compatibilidades na bonificación permitida por lei dentro do solo rural para edificacións destinadas a actividades vinculadas ás ditas explotacións. UxO argumentou a súa abstención na falta de tempo para poder analizar detidamente o contido e as consecuencias desta proposta, mentres que os restantes membros non adscritos e os membros do Goberno local ra exeitaron por “inxusta, arbitraria e descriminatoria”.

RESUMO DO PLENO ORDINARIO DE FEBREIRO DE 2018

“Inxusta e arbitraria”
En palabras de Martínez Sanjurjo ante o texto do acordo proposto polo BNG “podería darse a contrariedade de que unha vivenda que non está destinada a uso agrícola se beneficiase desta bonificación tan só por estar a carón dunhas instalacións con unha actividade legalizada, mentres que outra pertencente a un gandeiro ou agricultor non podería por atoparse maís apartada do seu lugar de actividade”. O alcalde apostou pola coordinación e execución conxunta desta proposta con organismos catastrais e a mesma Deputación da Coruña, co fin de levala a cabo correcta e xustamente. Nos vindeiros días remitirase unha consulta á dirección xeral de tributos que informe sobre a viabilidade de aportar un mecanismo que permita bonificar ao 100% dos bens inmobles suscritos cos códigos BIG do catrastro.