A biblioteca de Ordes acollerá este acto este vindeiro sábado ás 18 horas. Ademais dos autores e do editor intervirá Gustav Henningsen, investigador e antropólogo 

Este vindeiro sábado, 24 de febreiro, ás  18 horas, a biblioteca de Ordes acollerá a presentación do libro CD Gravacións musicais en Galicia 1964-1968. 

     O proxecto está asinado por Xavier Groba e Sergio de la Ossa, que recolle pezas e cantares recompilados polo investigador e antropólogo Gustav Henningsen en diversos lugares de Galicia, entre eles o municipio de Ordes. En total son 38 composicións orixinais entre as que hai xotas, coplas, muiñeiras, tonadas, romances, recitados, cantares de reis, regueifas etc. Ademais de partituras e letras das pezas o libro ofrece tamén unha ampla colección de fotografías antigas dos lugares nos que  Henningsen levou a cabo o seu labor investigador, así como explicacións e notas extraídas dos seus cadernos de campo. 

     Cómpre sinalar a ligadura de Gustav Henningsen coa comarca ordense, da que recentemente publicou un libro de fotografías baixo o título Galicia Máxica, reportaxe dun mundo desaparecido. Nel podíanse ver os distintos rituais, crenzas, supersticións e escenas da vida diaria labrega da comarca de Ordes, captadas pola súa cámara entre os anos 1965 e 1968. Un traballo que tamén se puido contemplar na mostra fotográfica que albergou tanto o Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela) como o Museo do Traxe (Ordes).

     Na cita que se levará a cabo en Ordes participarán o propio Gustav Henningsen, os autores Xavier Groba e Sergio de la Ossa, e o editor Ramón Pinheiro. Ademais haberá unha parte musicada a cargo de Carme da Pontragha e Ariel Ninas. 

     O libro foi editado grazas ao traballo conxunto do Concello de Ordes, a Central Folque e a Deputación da Coruña.

PRESENTACION DO LIBRO-CD GRAVACIONS MUSICAIS EN GALIZA 1964-1968