spacer
Preséntase na comarca o programa de empregabilidade ‘Se Buscan Héroes’

Susana García, edil de Traballo de Ordes, foi a encargada de abrir esta xornada informativa na que participaron unha trintena de persoas. O obxectivo principal pasa polo incremento de valores e coñecementos propios de cara á obtención de traballo.

O programa de empregabilidade ‘Se Buscan Héroes’ presentouse hoxe en Ordes ante unha trintena de persoas. Trátase dunha iniciativa especialmente dirixida á poboación da comarca de ata 30 anos, e cuxo principal obxectivo pasa por mellorar as condicións e posibilidades de emprego mediante a adquisición de valores que reforcen a súa propia marca persoal. Un labor para o que se conta cun amplo grupo de instrutores de recoñecida experiencia no eido empresarial, ademais de ser grandes networkers. 

     Susana García, concelleira de Traballo do Concello de Ordes, foi a encargada de darlles a benvida a todas e todos os participantes. Tras as súas palabras deu comezo a presentación do programa, destacándose a súa incidencia nos aspectos relacionados coa empregabilidade e co apoio ao emprendemento entre a xuventude demandante de emprego e que estea inscrita no fondo de Garantía Xuvenil.  Precisamente na localización destas e na organización desta xornada foi fundamental o traballo levado a cabo pola Oficina de Emprego da Mancomunidade de Ordes. 

Preséntase na comarca o programa de empregabilidade ‘Se Buscan Héroes’

Mellora de competencias
‘Se Buscan Héroes’ desenvólvese por parte da Fundación Equipo Humano e conta co apoio da Fundación Incyde e co cofinanciamento do Fondo Social Europeo. O programa permite acceder a unha formación de calidade en metodoloxías de innovación e desenvolvemento persoal para a adquisición de estratexias e fortalecementos para mellorar as competencias profesionais e lograr ou incrementar a empregabilidade. Para isto lévase a cabo traballo en equipo mediante procesos de simulación, facendo uso das chamadas metodoloxías Lean Startup e a aprendizaxe colaborativa por proxectos (economía colaborativa) para adquirir un coñecemento avanzado sobre as oportunidades da innovación e do emprendemento como alternativas. 

   A innovación, a comunicación, o liderado, a negociación, a creatividade etc son outros dos aspectos a ter en conta dun xeito especial. A última parte inclúe períodos de prácticas en empresas punteiras como IKEA, Alcampo ou o Grupo Vegalsa-Eroski,  sempre co apoio dun titor ou titora persoal.