spacer
O delegado territorial de Educación confirma un novo investimento no CEIP Castelao para optimizar  as condicións  térmicas do centro

Indalecio Cabanas, acompañado do alcalde de Ordes e da concelleira de Educación, visitou esta maña o inmoble onde se realizará un cambio de fiestras. Ademais o Concello de Ordes asumirá a instalación dun ventilador para evitar problemas de condensación na pista do pavillón deportivo

Esta mañá Indalecio Sánchez Cabana, xefe territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a provincia da Coruña, visitou o CEIP Castelao para analizar de primeira man o inmediato cambio de fiestras que se realizará nun dos inmobles onde se sitúan as aulas de educación infantil. En todo momento estivo acompañado polo alcalde e a concelleira de Educación de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo e Susana García respectivamente, ademais da directora e membros da ANPA do centro.

     A dita Consellería ten recoñecido un investimento dalgo máis de 14.000 € para a citada obra, coa que se mellorarán notablemente as condicións do edificio e o nivel térmico tanto en aulas, baños, corredores, despachos e zonas comúns. “Trátase dunha obra xa prevista e que ven a complementar o investimento realizado no cambio de calefacción levado a cabo no curso pasado”, explica Susana García. A responsable local da área educativa puntualiza que “se trata dun traballo que responde co plan de eficiencia enerxética recomendado pola Xunta de Galicia. Pretendemos mellorar as condicións do día a día tanto para o alumnado como para o profesorado, o que permitirá reducir o gasto en calefacción”.  A concelleira destaca tamén o papel activo e a contribución e colaboración brindada pola ANPA “no traballo conxunto á hora de mellorar todo o relacionado co centro e a actividade educativa, como por exemplo  no cambio do chan na aula de infantil, entre outras cuestións”. Un agradecemento que fai extensible tamén á Xefatura Territorial de Educación, “o que permite continuar cunha filosofía de traballo en conxunto e en equipo con todos os axentes que participan na educación dos nosos nenos e nenas”.

O delegado territorial de Educación confirma un novo investimento no CEIP Castelao para optimizar  as condicións  térmicas do centro

Investimento municipal
Outra intevención prevista é a instalación dun ventilador no ximnasio do colexio para, especialmente, evitar condensacións. Algo do que Martínez Sanjurjo informou a Indalecio Cabanas de primeira man e co que se pretenden solucionar os problemas de condensación que en ocasións se rexistran neste espazo. O alcalde de Ordes manifestoulle tamén ao delegado de Educación a intención de que sexa o mesmo Concello quen sufrague ditos gastos.

     Deste xeito o Concello de Ordes continúa coa súa política de mellora e investimento nos centros académicos e educativos do municipio. Un plan que nos últimos anos leva traído o cambio de mobiliario; a reestruturación de aulas; a dotación de equipamento deportivo, lúdico e educativo; investimentos en proxectos experimentais e de investigación; así como a mellora e eficiencia enerxética dos inmobles dedicados tanto á educación infantil, primaria e secundaria. A todo isto hai que sumarlle os preto de 500.000 € que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria leva empregados neste colexio ao longo dos últimos dous anos.