Comezan as obras de construción da senda peonil que une O Mesón do Vento e Meirama
Están orzamentadas en máis de 123.000 € e o prazo de execución é de seis meses
Esta semana deron comezo os traballos de construción da senda peonil na DP 2405, a cal enlaza Cerceda coa localidade ordense do Mesón do Vento. A senda conectará coa beirarrúa xa executada no núcleo urbano de Meirama, completando así o itinerario peonil entre ambos os lugares. As obras están orzamentadas en 123.354 euros e serán sufragadas pola Deputación da Coruña, e prevese que rematen nun prazo de seis meses.
O proxecto inclúe a construción de beirarrúas e proporcionará un acceso a pé seguro ata a central térmica de Meirama. Está incluído dentro do plan provincial de sendas peonís e ten como principal obxectivo a mellora da seguridade viaria do tráfico rodado e de peóns, quedando suprimidas as barreiras arquitectónicas para persoas con mobilidade reducida. Instalaranse novos pasos de peóns e sinalización vertical, executaranse cunetas recubertas por lousas de formigón e dotadas de desaugadoiros, ademais de rozar e plantar céspede nas zonas lindeiras. O ancho da nova senda será de dous metros e estará composta por unha capa de 55 centímetros de solo seleccionado e 20 centímetros de lastre artificial recuberto de formigón. Posteriormente pintarase para homoxeneizala coas demais obras similares realizadas na mesma zona.