Presentación de "Luns", da escritora Eli Ríos
O acto, aberto a todas as persoas interesadas, terá lugar este vindeiro venres, 15 de decembro, ás 20.30 horas no Museo do Traxe. Contará coa participación de Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, e coa do escritor e xornalista Ramón Vilar
O vindeiro venres, 15 de decembro, ás 20.30 horas o Museo do Traxe acollerá a presentación de Luns, libro escrito por Eli Ríos e galardoado co premio Torrente Ballester de Narrativa en Lingua Galega 2016. O acto contará coa participación de Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, e coa do escritor e xornalista Ramón Vilar.
Luns aborda a historia de Nerea, unha muller de éxito á que lle diagnostican un cancro de mama, noticia que altera por completo o seu xeito de ver e vivir a vida.
Nada en Londres, Eli Ríos regresou de ben nova ás terras de Ordes onde se criou. Entre outros na súa bibliografía hai títulos como Nós escoitando o badalo de Marienplatz (2010), Rúa da Cancela (2009), María (2013), Diario de fotogramas (2014), Remexido de patacas (2014), Bicha (2015), Bicha (2015), Marta e a píntega (2016), Mulleres bravas da nosa historia: María Victoria Moreno (2016) ou Café intenso (2017). Ao longo de todos estes anos leva recollidos multitude de premios literarios como: Premio de Poesía do Concello de Carral, Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, Premio de Poesía Figurante, Premio de Poesía Manuel Loureiro Rey, Certame de Narracións Curtas Modesto Rodríguez Figueiredo, Certame Francisco Añón de Poesía, Premio Pura e Dora Vázquez de Narración ou o Premio Rosalía de Castro do Concello de Padrón entre outros.
Actualmente é colaboradora habitual dar revista feminista A Sega.