Terá lugar este sábado e domingo no pavillón Castelao I. Participarán máis de 250 patinadores e patinadoras integrantes dunha vintena de clubs de toda Galicia. O campión nacional alevín Unai Cereijo ofrecerá unha exhibición

O concello de Ordes prepárase para acoller esta fin de semana o III Trofeo Concello de Ordes de Patinaxe Artística, modalidade libre individual. Unha proba organizada polo C.P. Galia de Ordes en colaboración co Concello de Ordes, que se desenvolverá ao longo do sábado e o domingo, 2 e 3 de decembro, no pavillón Castelao I. O horario na primeira xornada será de 9,30 a 20.30 horas e no caso da segunda de 9 a 14 horas.

En total teñen confirmada a súa participación 265 patinadores pertencentes aos seguintes clubs: C.P. Patiart (Coristanco), C.P. Ágora (Brión), C.P. Brincadeira (A Coruña), C.P. Ribeira, C.P. Costa da Morte (Corcubión), C.P. Omega (Ames), C.P. Fervello (Arteixo), A.D. Fontiñas (Santiago), C.P. Inercia (Ferrol), C.P. Compañía de María (A Coruña), A.D. Liceo (A Coruña), E.E. Lubiáns (Carballo), C.P. Oroso (Sigüeiro), C.P. A Pobra de Pobra do Caramiñal, C.P. Sarela (Ames), C.P. Conxuro (A Laracha), C.P .Velúa (Malpica de Bergantiños) e C.P. Anca (Lugo).

Na xornada lúdica do sábado os patinadores e patinadoras dos niveis de 0 a 8 realizarán as súas coreografías e vivirán a experiencia de estar ante o público e o xurado. Xa o domingo terán lugar as probas rexional e nacional correspondentes ás categorías que van de benxamín a xuvenil.

Ao rematar a competición está previsto que Unai Cereijo, campión de España alevín (Patinador do CPA Maxia da Coruña), ofrecerá unha exhibición a todo o público congregado.

III TROFEO CONCELLO DE ORDES PATINAXE ARTISTICA